Tuesday 14 de May de 2024

Neda presenta o cartel oficial da XXXIII Festa do Pan


A cita celebrarase, como é tradición, o primeiro domingo de setembro

O Concello de Neda avanzou hoxe o cartel oficial da XXXIII Festa do Pan, de Interese Turístico de Galicia. Como é tradición, a cita celebrarase o primeiro domingo de setembro, o día 3, no paseo marítimo de Xuvia, e nesta ocasión tomarán parte as panaderías La Gallega, La Nueva, Modesto Hermida, Paca Castro Romero, Panificadora Germán e Santa Rita. Ademais, colaborarán na festa J. Castro Romero e Vda. de Romero.

O cartel é obra do deseñador gráfico Juan Luis Fernández, máis coñecido como Juanlu Nacha, e nel dá todo o protagonismo aos panadeiros e panadeiras do municipio nunha obra alegre e chamativa. A cita gastronómica regresará ao calendario co guion habitual, e aínda que a programación se dará a coñecer en detalle nas vindeiras xornadas, o Concello avanzou que se reeditará o xantar popular, as actividades para os máis pequenos e pequenas da casa como os obradoiros de elaboración de pan, o concurso de empanadas ou as actuacións musicais.

Ademais, e na xornada previa á festa, o sábado 2 de setembro, celebrarase de novo a Noite de Bolos, cuxo cartel se desvelará esta mesma semana, e nos días previos convidarase a veciños e visitantes a participar nunha nova ruta dos muíños.